Ir o contido principal

Quen somos?

Quen somos?

En 1986 un grupo de empresarios do Grove uníronse para defender de forma conxunta os seus intereses, así como para ter un maior peso específico á hora de participar nas decisións que lles afectasen directamente. Así nace EMGROBES (Empresarios Grovenses de Bens e Servicios).

EMGROBES é unha organización absolutamente aberta que pretende agrupar a todos os empresarios e comerciantes do Grove,e que se basea na coordinación, representación, xestión, fomento e defensa dos intereses xerais e comúns das empresas. Esta entidade está dotada de personalidade xurídica e con plena capacidade de obrar en cumprimento dos seus fins. Ademais, trátase dunha organización independiente da Administración, das organizacións de traballadores e dos partidos políticos. Na actualidade EMGROBES, é a única asociación da vila de empresarios e aglutina a case uns 150 asociados, pertencentes aos diferentes sectores da economía grovense.

Esta asociación ten como principal obxectivo a defensa dos intereses, dos seus socios, tanto económicos como sociais, englobando as intereses comerciais, hostaleiros e industriais, así como a realización de labores de información e promoción dos asociados, fomentando sempre entre eles unha colaboración mutua.

En 2001 creouse o Centro Comercial Aberto “De Tendas” coa finalidade de que o comercio local teña unha imaxe única, e levar a cabo, así, promoción e publicidade en común, asi como a unificación de servizos para conseguir ser máis competitivos.

En 2017 tanto o Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) como a Asociación de Hostería intégranse en EMGROBES, deixando que esta sexa a única asociación empresarial do Grove, que agrupa os intereses dos sectores comercial, industrial e hostaleiro. A súa directiva está composta por representantes dos distintos sectores económicos da comarca.